Software libre,
unha oportunidade de ouro para que os computadores falen galego
|
Ha anos que os computadores entraron nas nosas vidas, e non semella que vaian abandonar-nos nun futuro próximo, senón ás avesas facer-se cadora máis omnipresentes, seguindo o mesmo carreiro que moitos outros aparellos modernos. Agora ben, a diferenza doutros trebellos, estes poden "falar" connosco, mais seica non entenden a nosa língua; primeiro falaban inglés, logo pasaron-se ao castelán mais o galego costa-lles. Non parece que este feito preocupe excesivamente nen as nosas autoridades lingüísticas, nen as organizacións que defenden o galego. E penso eu, se cadra por que paso várias horas ao dia diante dun deses aparellos, que cumpre prestarmos-lle a atención que merece. A incapacidade de comunicar-nos en galego cos computadores atenta contra os nosos direitos lingüísticos, ao nos obrigar a empregar de seguido unha língua que non é a nosa, sendo ademais unha nova arma para o arsenal dos que atacan o galego pola sua suposta "falta de utilidade".
Nun mundo dominado polo software proprietário, onde os copyrights impeden que os usuários podamos adaptar o software ás nosas necesidades, e onde a falta de competéncia da lugar a que os pequenos mercados sexan ignorados, o futuro do software en galego é certamente precário. Afortunadamente para nós, e para moitos millóns doutras persoas pois a nosa situación non é nen moito menos única no mundo, as cousas están a cambiar. O software libre está a revolucionar o mundo da informática, traendo non xa unha refolada de ar fresco, senón un auténtico furacán liberador.
O software libre, tamén coñecido como software de fonte aberta, permite entre outras cousas traducir os programas, e representa hoxe en dia unha alternativa viábel ao software proprietário, con independéncia da língua, mais no caso galego representa, na miña opinión, a mellor alternativa. As nosas autoridades poderian aproveitar esta ocasión para, fornecendo software en galego á cidadania, demostrar o seu interese pola nosa cultura. Mais o mellor de todo é que neste caso as autoridades non son imprescindíbeis, ainda que loxicamente poden facilitar moito a tarefa.
Existen vários sistemas operativos libres, catro deles son tipo unix: GNU/Linux, FreeBSD, OpenBSD, NetBSD e outro é un clone do MSDOS FreeDOS(1). Dos cinco o GNU/Linux é o máis popular e o que conta con un maior número de aplicacións. Como ademais é o que máis coñezo, por ser o que uso, no resto do artigo referirei-me principalmente a el. De todos os xeitos comparte moitas características cos xxxBSDs, sendo bastante compatíbeis entre si, e sendo relativamente doado que unha aplicación nativa dun calquer deses sistemas poda ser executada nos outros sistemas, moitas veces os próprios binários son compatíbeis, outras veces cumpre recompilar as fontes. En todo caso a tradución feita para un programa dun dos catro sistemas tipo unix, é válida para os outros tres sistemas tipo unix restantes.
A tradución de software libre é normalmente unha tarefa
tecnicamente sinxela, e de feito xa existen vários programas
traducidos ao galego. Caso de que o leitor/a teña interese en
comunicar-se en galego co seu computador, pode facer-se unha
idea na seguinte páxina, onde se
mostran algunhas imaxes capturadas do meu.
En 1983 Richard Stallman farto de ver como o software proprietário trunfava impondo un espírito anticooperativo, escrebe un manifesto no cal, ademais de denunciar a situación imperante, anuncia que vai escreber un sistema operativo libre: o GNU. Naquel tempo o dito manifesto podia tomar-se como unha arroutada, mais as veces a utopia fai-se realidade. E asi un pequeno grupo de programadores foi elaborando con esforzo, paciéncia e ilusión, as pezas fundamentais do soño Stallmaniano: un compilador de C, gcc, un editor de texto que é moito máis que un editor de texto, o Emacs, un linker, ld, un depurador, gdb, e un longuísimo etc.
En 1991 Linus Torvalds decide fabricar-se un núcleo similar ao de Unix, ao que vai chamar Linux, co obxecto de pode-lo executar no seu computador, un PC compatíbel. O proxecto GNU pola sua banda xa estaba a traballar nun núcleo do seu sistema, o Hurd, mais Linus vai desenvolver moito máis rápido o seu núcleo, aproveitando un meio en expansión: a Internet, por onde lle chegaria axuda tanto de programadores como de probadores do produto. Por outra banda o Linux encaixa perfeitamente co software da GNU, de feito foi desenvolvido usando o compilador gcc. Xuntando o Linux coas ferramentas GNU e algun outro software, máis ou menos libre, como o sistema de xanelas XFree86, xurde un sistema operativo libre, o GNU/Linux.
Segundo a Fundación polo Software Libre, fundación que está detrás do proxecto GNU, o software libre é-o en canto nos permite:
estudar como funciona un programa e adapta-lo as nosas necesidades,
redistribuir cópias, e comparti-lo cos nosos compañeiros, e
mellorar o programa, e fornecer as suas melloras ao resto da comunidade.
Evidentemente un programa para ser libre ten que oferecer-se en código fonte, ainda que se poda distribuir tamén en versións compiladas.
Software libre non é sinónimo de software gratuito,
existen bastantes empresas que venden software libre. Mais unha vez
que un usuário o compra pode copia-lo, revende-lo, regala-lo,
instala-lo no número de computadores que queira ... , todo
menos loxicamente reclamar direitos de autor sobre o dito software ou
modificacións del. Isto da lugar a que o prezo non sexa en
xeral moi elevado.
Descoñezo o tanto por cento da poboación galega que emprega con unha certa frecuéncia algun computador, mais estou seguro que xa non é despreciábel, e que ademais está a medrar. Agora ben, cando un galegofalante ten que comunicar-se con un computador na maioria dos casos non o pode facer na sua língua. Teñen algunha dificuldade conxenita os computadores para se expresaren en galego?, por suposto que non, os computadores poden comunicar-se cos seus usuários en calquer língua, sempre que exista o software axeitado. Mais ao non ser o mercado galego abondo atractivo, as grandes empresas de software non teñen interese en editar versións galegas dos seus produtos. Non é isto algo que afecte exclusivamente ao galego, milleiros de línguas en todo o planeta están nas mesmas condicións. Mesmo línguas con moitos millóns de falantes, e/ou que teñen o respaldo dun estado. Se existe versión de MSWindows en catalán e en vasco é porque están fortemente subsidiadas, mais non sempre abonda con pagar a tradución (2).É mais, ao estar o software proprietário protexido por copyrights, ninguén alleo a empresa pode traduci-lo.
Este problema non existe co software libre; o usuário ten garantido o direito de, entre outras cousas, traduci-lo. De feito a maioria dos programas libres facilitan o proceso de tradución. Asi o software da GNU ten un procedimento estándar de tradución, fornecendo software para facilitar a tarefa. Sendo esta unha das razóns pola que o software libre se está a expandir dun xeito tan acelerado. Cando escrebo este párragrafo (12/12/99) as ferramentas da GNU están sendo traducidas por 27 grupos distintos, o proxecto GNOME por 30 e o KDE por 40.
Aproveitando estas facilidades alguns usuários galegos temos
traducido xa alguns programas mais ou menos libres. Estas traducións,
ademais de facer-nos a comunicación cos nosos computadores
máis agradábel, constituen unha
proba palpábel de que termos software en galego é
factíbel. Porén, se ben é certo que
ha algun traballo feito, ainda fica moito
por facer para poder termos unha distribución(3)
que permita galeguizar totalmente un computador.
As institucións públicas galegas (Xunta, deputacións, concellos, universidades ...) son grandes consumidoras de software. Software que nestes momentos está maioritariamente en castelán, ainda que a língua que empreguen as ditas institucións sexa o galego. Usando software comercial esta situación ten difícil solución, difícil e cara. E usando software libre?. Como dixen anteriormente o software libre non necesita permisos para ser traducido, e usualmente facilita-se a tarefa. Ademais ao dispormos das fontes podemos adapta-lo doadamente as nosas necesidades, non só en matéria lingüística.
Das institucións antes citadas a Xunta de Galicia é posibelmente a maior consumidora de software, sobre todo tendo en conta que dela dependen directamente os centros públicos de ensino básico e médio. Semella portanto que deberia ser ela a que tivese un maior interese no tema, e a primeira vista é a institución con maior capacidade para levar a cabo o traballo, ben con persoal próprio, ben mediante un convénio ou encarregando-llo a unha ou várias empresas, galegas por suposto. O software traducido non só serviria para uso interno, senón que tamén seria utilizábel por outras institucións e polos cidadáns galegos en xeral.
Tamén as deputacións e os concellos usan software, e tamén eles poden usar software libre e adapta-lo ás suas necesidades. Non seria portanto desbotábel que un concello, ou grupo de concellos, con algunha deputación polo meio se cadra, tomara a iniciativa de anosar software libre para as suas necesidades, revertendo loxicamente o seu traballo nos cidadáns.
As universidades pola sua banda contan con unha importante vantaxe: abundante material humano cualificado. Non só os seus traballadores, profesores e técnicos, mais tamén os seus alunos. Unha universidade que saiba aproveitar eses médios pode levar a cabo un moi bon traballo con un custe moi baixo. Cumpre salientar que de feito o software libre está xa presente nas universidades galegas, mesmo encarregado de tarefas de grande importáncia, ainda que a nível de usuários por agora é minoritário. Non é de estrañar a penetración do software libre nas universidades galegas, xa que os vencellos entre o mundo universitário e o software libre son fortes desde os seus inícios. Porén polo momento as universidades galegas non apoian institucionalmente o software libre como si ocorre con outras universidades.
Na Galiza non só existen institucións públicas,
calquer institución privada interesada minimamente pola nosa
cultura pode axudar á existéncia de software en galego,
ben apoiando iniciativas existentes, ben liderando ela mesma unha
iniciativa, de maior o menor alcance. Asi institucións como a
Fundación
Caixa Galicia , a obra social da nova Caixa do Sul (4),
ou a Fundación
Pedro Barrie de la Maza teñen capacidade
abonda para criar unha distribución própria,
mais tampouco seria de desprezar que traduciran e mantiveran unha
suite de oficina ou un entorno de xanelas, por sinalar un par de
exemplos.
Actualmente o mundo do software está dominado por grandes empresas americanas (5). Nesta situación o nicho ecolóxico dunha empresa de software galega é por forza moi reducido. O movimento do software libre pode traer novas oportunidades para as empresas galegas, en xeral para as empresas de todo o mundo.
Unha aposta, a primeira vista, forte para unha empresa galega seria artellar ela mesma unha distribución própria. Dependendo do produto o traballo seria maior ou menor. Unha distribución en castelán é relativamente doada, mais xa existen outras, algunha delas como a SuSE de renome mundial. Unha distribución en galego (6), ainda que fose parcial, outorgaria-lle á empresa que a levara a cabo unha imaxe de marca diferenciada. Non seria desbotábel tampouco distribucións en várias línguas, como é a Suse, centrando-se nas línguas da Península Ibérica. Cumpre salientar que no mundo do software libre os ingresos dunha empresa que mantén unha distribución veñen, por unha banda das vendas da dita distribución, mais por outra da venda de servizos; i.e. de suporte técnico. Quen mellor que a empresa que artella a distribución para resolver os problemas que podan aparecer?, ou para implementar as modificacións que desexamos para realizar unha determinada tarefa?.
Ainda que nengunha empresa galega asuma o risco de criar unha
distribución própria, existen outras vias para que
contribuan a termos software en galego. Se algunha das institucións
antes citadas decide facer-me caso e anosar software libre,
unha opción evidente é encarregar-lle o traballo a unha
empresa de software, que loxicamente deberia ser galega. Outro xeito
no que as empresas galegas poden facer negócio co software
libre é prestando asisténcia técnica. Co
software proprietário o lóxico é pedir
existéncia técnica a empresa que criou o
software, xa que só eles coñecen os seus miolos, mais
falando de software libre, onde as fontes son coñecidas, a
acesibilidade e proximidade son factores de tanta ou maior
importáncia.
No mundo do software libre as lindes entre usuários e "criadores" son difusos, e as oportunidades de participar moitas. Algunhas persoas adican-se a programar elaborando un ou máis programas, mais loxicamente son usuários de moitos outros. Por outra banda se un usuário quer modificar un programa, e sabe como, non só pode face-lo, senón que é alentado a o facer. Mais alén da programación existen outras tarefas importantes como escreber documentación sobre os programas ou traducir os programas e máis a sua documentación. Outra tarefa indispensábel é probar os programas, atopar-lle os erros, e informar documentadamente deses erros. Para contribuir ao traballo colectivo, non se precisa portanto ter uns grandes coñecimentos de informática, senón vontade de colaborar.
O movimento mundial do software libre criou-se e medrou baseando-se en usuários individuais ou agrupados en proxectos dispostos a compartir o seu traballo co fin de obter un sistema aberto. As empresas chegaron mais tarde, ainda que o seu desembarco semella ser definitivo. Non é pois de estrañar que os primeiros pasos para a tradución de software libre ao galego fora dado por usuários.
Hoxe en dia existen dous grupos de usuários organizados co fin de traducir ao galego o GNU/Linux. O GPUL-tradución(7), que ten por obxectivo traducir programas (8), e o GzLiNuX, que se adica a traducir documentos variados (HOWTOs, FAQs, guias, documentación de aplicacións ...). Relacionado intimamente con este tema, ainda que sen adicar-se directamente a traducir xurde o proxecto LEGAL (Linux En GALego), que pretende ser un ponto de encontro das persoas interesadas en termos linux en galego, incluindo loxicamente aos dous grupos antes citados, e a outros usuários que traballan independentemente no tema. Trata-se de acadar unha certa coordenación no traballo a realizar, asi como de conseguir unha maior repercusión, e atrair a novos usuários interesados nos labores de tradución.
Ainda que non está tan directamente relacionado co software libre non podo deixar de falar do proxecto Galego21 . Este proxecto consta de vários subproxectos, todos eles pulando a prol do galego, dos cais para este artigo son especialmente relevantes dous. O proxecto Rianxo pretende elaborar un tradutor automático galego <---> outras línguas. Está escrito na linguaxe de programación java e en galego, sendo software libre, non se pode pedir máis. Só me resta desexar-lles sorte na difícil tarefa que se marcaron. Pola sua banda o proxecto Xis adica-se a traducir software para MSWindows9X/NT ao galego.
O bon que ten
traducir software de MSWindows é que hoxe en dia este é
o sistema operativo dominante nos PCs, e portanto o seu traballo pode
chegar rapidamente a moita xente. Mais
tamén apresenta desvantaxes importantes.
A imensa maioria do software para
esta plataforma é software proprietário (9),
mesmo o freeware
e o shareware
están protexidos por copyrights, e portanto antes de
pór-se a traducir un programa cumpre ter a autorización
do dono dos direitos de autor. É relativamente doado obter tal
autorización no caso de freeware e shareware, mais estes
programas xogan un papel marxinal no mundo do MSWindows (10).
Obter a autorización para un programa comercial de éxito
é outra cousa. Ainda que se conseguira, cousa ben difícil,
como se comercializa o produto?, vai estar interesada a empresa en
sacar un produto especial para un mercado tan reducido como o galego,
que ademais pode cobrir sen moitos problemas
en castelán?. É portanto impensábel que mediante
o esforzo dos usuários podamos conseguir
dun xeito legal (11) que o noso computador, usando
MSWindows, fale galego senón sempre
na maioria das ocasións. Outro problema de importáncia
provén das dificultades técnicas que apresenta a
tradución de software de MSWindows. Neste caso non
ha un procedimento estándar,
como no caso do GNU/Linux, cada programa é diferente, e non
sempre fácil de traducir (12). Ademais está
o tema da distribución das traducións. En GNU/Linux un
programa vai preparado para empregar diversas línguas, segundo
os gostos do usuário, e para facer que
fale outra nova língua usualmente chega con engadir-lle un
arquivo duns cantos kbytes (dúcias
ou como moito uns poucos centos). No mundo
MSWindows porén, xunto o modelo anterior seguido
principalmente polos produtos shareware e freeware, resulta usual que
para cada língua haxa un programa distinto, que ocupa
comprimido vários MBytes, o cal dificulta enormemente a sua
distribución.
O
GNU/Linux é un sistema operativo con ben gañada fama de
robusto, estábel, fiábel, flexíbel e seguro
(13). Teñen-se feito bastantes comparativas
co MSWindows NT (14),
e na maioria delas sai gañando, en
todo caso non é dun nível inferior. As debilidades que
se lle apoñen son principalmente duas:
dificuldade de administración e falta de aplicacións.
Para afondar neses dous pontos cumpre diferenciarmos duas situacións:
1) que falemos dunha organización dunha certa entidade ou 2)
que falemos de usuários individuais ou organizacións
pequenas.
Neste caso o parque informático debe estar administrado por técnicos informáticos para os cais a maior flexibilidade do sistema GNU/Linux, coa maior complexidade que isto conleva, non significa normalmente un grande problema, senón moitas veces é considerado unha virtude. Isto unido as facilidades que oferece este sistema de administración remota, e as vantaxes antes citadas fan que moitos técnicos informáticos de todo o mundo se decanten a favor do GNU/Linux, o que da lugar a unha importante presenza no mundo corporativo. Evidentemente os computadores van ser utilizados por moitas outras persoas ademais dos técnicos, mais como usuários. E a nível de usuário a dificuldade de uso dun sistema GNU/Linux é similar ao doutros sistemas operativos como MSWindows, MacOS ou Solaris.
A falta de aplicacións foi un problema, mais hoxe en dia é-o moito menos. Desde ha tempo o GNU/Linux mantén unha importante cota de mercado nos servidores de rede: servidores web, cortalumes, servidores de arquivos, xestores de impresión, servidores de bancos de dados, etc. Loxicamente para esas tarefas ha software abondo e de cualidade. Un tipo importante de programas dos que habia unha certa caréncia son as aplicacións de oficina. Afortunadamente estas caréncias están a ser subsanadas rapidamente (15). Se o leitor quer ver cos seus próprios ollos a abundáncia de software para GNU/Linux o mellor e que visite algun site especializado en listar, comentar e facilitar a descarrega, do dito software. Existen moitos deses sites, sendo na miña opinión moi aconsellábeis os dous seguintes: Tucows Linux e Freashmeat .
Outra estratéxia que ven usando a comunidade GNU/Linux para paliar a caréncia de aplicacións, cadora menor mais ha uns anos importante, é a elaboración e uso de emuladores. Asi o Dosemu permite executar a maioria das aplicacións para MSDOS e o Wine, apesar da opacidade de Microsoft, permite executar unha grande cantidade de aplicacións para MSWindows3.X e MSWindows9X/NT (16).
Se algun organismo precisa un programa determinado que non existe, ou algunha modificación dalgun programa existente, pode contribuir á comunidade mundial de software libre pagando para que se desenvolva.
Por último, unha vantaxe que apresenta o GNU/Linux nas organizacións grandes é a sua compatibilidade co Unix. Isto facilita a conexón de estacións de traballo (baixo GNU/Linux) e grandes servidores correndo algun Unix proprietário.
No caso de non contar con un técnico informático como administrador, o problema da dificuldade do GNU/Linux é maior. Afortunadamente cadora se elaboran distribucións máis automatizadas (17), que facilitan enormemente tanto a instalación como a administración do sistema. O maior problema é que a maior parte da documentación está en inglés. Problema que se resolveria loxicamente con unha distribución en galego.
Canto ao software de oficina aplica-se o dito anteriormente. Mais falando de software de lecer a situación é algo pior. Están-se a portar moitos xogos para GNU/linux, mais ainda asi non ha tantos como en MSWindows, e no apartado multimédia o abano de software disponíbel en GNU/Linux é moito máis pobre que en MSWindows9X. Mais a situación pode cambiar rapidamente, xa que o GNU/Linux ten cadora maior aceptacion, e o proxecto Wine maior cualidade.
Unha pergunta obvia antes de se embarcar nunha empresa é cais son as suas espectativas de futuro. Sobre todo cando, como neste caso, un non conta con ser un factor determinante no desenvolvimento do proxecto xeral, senón aproveitar os froitos dese desenvolvimento, contribuindo en todo caso nunha pequena parte.
A maior garantia de futuro do GNU/Linux é a sua liberdade, o feito de que o código fonte sexa público. Como di o memorandun Halloween I (18):
"O software libre ten credibilidade a longo prazo",
"A credibilidade a longo prazo existe se non ha xeito de botar-te do negócio a curto prazo",
"Considera-se que os sistemas de fonte aberta teñen credibilidade debido a que o código fonte pode obter-se potencialmente en millóns de sítios e de millóns de indivíduos".
Portanto ainda que o desenvolvedor dun programa deixe de traballar nel, calquer outra persoa ou grupo pode retomar o traballo.
Outro factor importante a considerar é a sua cota actual de mercado, e a sua taxa de medre. Tendo isto en conta o seu futuro é simplesmente brillante. Asi por exemplo segundo un estudo do IDG, mentres no ano 1997 o seu uso no ámbito empresarial era residual, en agosto de 1999 era empregado no 13% das empresas de USA e Canada. Outros sinais que apoian o dito son: o número cadora maior de empresas tanto de software como de hardware que están a ofertar produtos para GNU/Linux (19), o prezo elevado das accións das empresas líderes neste entorno, a atención masiva recebida na última COMDEX, ou o interese mostrado pola Comisión Europea.
Por último
cumpre repetir que o galego non é nen moito
menos a única língua discriminada pola indústria
de software. Milleiros de outros povos están
na mesma situación, e portanto o software libre representa
tamén para eles unha solución. Solución que de
feito xa están a aproveitar alguns, asi se non
ha MSWindows en islandés, si que ha
KDE, e se tampouco ha MSWindows en
indi, xa ha proxectos
para que haxa GNU/Linux. Ha portanto
moita xente interesada en que o movimento GNU/Linux non se
pare, ainda que só sexa contando cos
moitisimos usuários que non
constituímos mercados atractivos. Seria difícil,
ainda que non imposíbel, que un pequeno pais como Galiza
poda manter el só o desenvolvimento
dun sistema operativo e multitude de aplicacións. Mais
se xuntamos moitos outros pequenos, e non
tan pequenos, países a tarefa
resulta mesmo doada. Isto na pouco probábel
hipótese de que os programadores e usuários dos
grandes países, USA, Alemaña,
Xapón, etc, perderan o interese polo software libre.
O GNU/Linux é un sistema con moitas cualidades de por si como para ser preferido por calquer organización.
Ademais das suas outras vantaxes oferece para os galegos a posibilidade de traducirmos un bon sistema operativo, e unha grande cantidade de aplicacións.
Esta posibilidade é moito máis difícil e custosa co software proprietário. Ademais que nese caso ficamos nas mans da(s) empresa(s) posuidoras do copyright, que en calquer momento poden decidir deixar de traducir.
A adopción de software libre polas institucións públicas galegas favoreceria a indústria de software galega, do mesmo xeito que a criazón da TVG deu lugar a unha indústria audiovisual, pequena pero existente.
A utilización por parte das institucións públicas de software libre conlevaria ao emprego, na sua relación cos cidadáns, de formatos estándares e non de formatos proprietários como adoitan facer (20).
O emprego por parte das administracións públicas de software libre teria como efeito secundário beneficioso abandonaren o uso de software ilegal (21). Prática que non por frecuente deixa de ser condenábel, como calquer violación da legalidade por parte das autoridades encarregadas do seu cumprimento.
A tarefa de traducirmos unha parte importante do sistema GNU/Linux pode ser levada a cabo por simples usuários. É mais, considero que levando mais ou menos tempo os nosos computadores aprenderá galego grazas ao GNU/Linux. Se debido a unha iniciativa institucional ou empresarial se acelera o proceso, mellor que mellor. En todo caso o software libre oferece-nos a sua liberdade, cumpre-nos aproveita-la.
Notas
Existe
outro proxecto de sistema operativo libre Freedows,
mais ainda está en elaboración.
O
islandés
é un exemplo claro de que conseguir versión nunha
determinada língua non é sempre cousa fácil.
Islándia é un estado que protexe especialmente a sua
língua, e o seu governo estaria disposto a pagar a Microsoft
pola tradución do sistema operativo MSWindows, mais en
Redmond o asunto non lles interesa e portanto non
ha versión islandesa do MSWindows.
No
mundo GNU/Linux unha distribución consta do sistema operativo
máis un conxunto máis ou menos grande de aplicacións.
Estas distribucións están elaboradas para
facilitar-lle a vida ao usuário, reunindo (e compatibilizando
se for mester) o software necesário para poder realizar unha
determinada tarefa. Mais o software das distintas distribucións
é compatíbel, sobre todo a nível de
aplicacións. E non resulta difícil usar un pacote
dunha determinada distribución nun computador onde
ha instalada outra distribución. Cousa que por outra
parte na maioria dos casos non é necesário, xa que é
bastante comun que as distintas
distribucións teñan moitas
aplicacións en comun.
Cando
isto escrebo as tres caixas do sul da Galiza teñen 3 sites
independentes, os tres en castelán unicamente, o cal non
anima moito. Os seus enderezos son: Caixa
de Pontevedra, Caixa
Ourense e CaixaVigo. Ollo
co site de CaixaVigo, que emprega java masivamente, polo cal é
dos máis pesados que teño visitado.
En
particular por Microsoft, acusada polo departamento
de Xustiza americano de ser
un monopólio de facto.
As
distribucións GNU/Linux son multilíngues en xeral, xa
que boa parte das aplicacións están traducidas a
diversas línguas, e trocar a língua de traballo é
moi doado. É máis, os distintos usuários
dunha mesma máquina poden definir a sua língua de
traballo independentemente uns dos outros. Unha distribución
en galego significa pois que os usuários teñen a
posibilidade de escoller o galego como língua de traballo, e
que a instalación e os manuais estarian en galego.
O
GPUL-tradución é un subgrupo do Grupo
de Programadores e Usuários de Linux, grupo universitário
da Escola de Informática da Coruña.
Teñen
especial querenza polo software da GNU, e asociados como o proxecto
GNOME.
Existe
algun software libre especificamente escrito para MSWindows
9X, de feito eu traducin un pequeno programa,
mais é praticamente anecdótico.
Tamén existe software libre que entre outras plataformas
corre en MSWindows9X/NT, neste caso a tradución é
válida para todas as plataformas.
Un
non pode pensar en realizar a maior parte do traballo nun computador
usando freeware e shareware.
É
tecnicamente posíbel traducir calquer programa de MSWindows,
sistema operativo incluído, mais na
maioria dos casos é ilegal, mesmo para uso próprio,
non falemos xa da distribución.
Como
integrante da equipa que traduciu o Communicator (O Xis) podo
asegurar que non foi tarefa fácil. E a actualización
da versión 4.03 á versión 4.08, a pesar de só
incluir uns poucos centos de mensaxes novas, foi realmente
traballosa, cumprindo-me realizar parte das tarefas en UNIX. A
tradución de programas que seguen as especificacións
da GNU é unha tarefa moito máis
doada, para a cal precisa-se basicamente un editor de textos, e a
actualización é moi sinxela.
É máis se o tradutor encarregado dunha língua
non fornece a tradución actualizada para unha nova versión
dun programa, o programa vai sair igual, con un suporte parcial da
dita língua. Neste caso non aparecerán traducidas as
novas mensaxes, mais si as que estaban traducidas na versión
anterior.
Unhas
cantas ligazóns sobre o asunto: Linux
in the Enterprise: Fact vs. FUD, Put
Linux to work , Red
Hat Makes Linux Better, Beowulf
Project, EBIZ
Pushes Linux For the Masses , Open
source operating system is behind one of the UK's largest online
learning projects, Previewing
The 2.4 Linux Kernel, JazzNet
Algunhas
comparativas MSWindowsNT vs Linux: Perfomance
Test: Linux servers, NT
vs. Linux Server Benchmark Graphs , Open
Benchmark: Windows NT Server 4.0 and Linux, On
Mindcraft's April 1999 Benchmark, Microsoft
Windows NT Server 4.0 versus UNIX, The
veredict, All
about Linux in corporations, Halloween
II., Rant
Mode Equals One: Linux Reality Versus Microsoft Myth
Como
exemplo de como esas caréncias están a ser
solucionadas poden-se salientar duas completas suites de oficina que
están a libre disposición dos usuários desde
ha pouco, a KOffice
da KDE e a Staroffice
da Sun. Neste momentos o KOffice ainda é unha versión
beta, mais a velocidade coa que traballan na KDE unha versión
estábel non vai tardar moito. A
Staroffice é unha suite de oficina bastante compatíbel
en canto a formatos coa omnipresente Microsoft Office. Foi criada
por unha empresa alemana a Stardivision, que foi logo
absorbida pola empresa Sun. Esta empresa
distribui a Staroffice como freeware, e prometeu liberar o
código fonte. Ainda que a licenza sob a cal a vai liberar non
gosta a todos na comunidade de software libre, en todo caso
permitiria a tradución. Cumpre salientar que
ha versións de Staroffice para vários sistemas
operativos: GNU/Linux, Solaris, OS/2 e MSWindows9X/NT.
Un
feito interesante é que Wine está a ser
empregado polas empresas
de software para portar os seus produtos a GNU/Linux, xa que
facilita moito a tarefa.
Un
bon exemplo de distribución doada
de instalar e de administrar é a Corel.
Mais outras como a Openlinux,
a Suse , a RedHat
ou a Mandrake non son
moito máis complicadas.
Documento
interno da Microsoft que saiu, sen eles querer, a luz pública.
Este é outros documentos relacionados poden-se atopar na
páxina: The
Halloween Documents.
Empresas
de hardware como IBM,
Dell,
Motorola,
Compaq,
Hewlett-Packard,
Intel,
Fujitsu,
Bull,
Siemens,
VA Linux System, Gateway,
etc. Empresas de Software como Oracle,
Corel, IBM,
Borland,
Netscape,
Lotus, Novell,
MathWorks,
AOL, Aplixware,
Sun,
ILOG,
Wolfram, Sybase,
Metrowerks,
National Intruments, Bartels,
PlugSys,
TeamWave,
CForge, etc.
O
uso de formatos proprietários (ex. Word97) obriga aos
cidadáns a mercar os mesmos programas que usa a
administración, cousa pouco ética. Os formatos
estándares (RTF,
HTML, XML,
...) son abertos e portanto suportados sen problemas por calquer
programa, libre ou comercial.
Moitas veces
emprega-se o termo "pirata" para referir-se ao software
copiado ilegalmente violando o copyright. Porén resulta
evidente a desproporción, como consecuéncia da cópia
dun programa non ha violéncia,
mortos, mutilacións, violacións... como si adoita
haber nos actos de pirataria.
Copyright © Ramón
Flores
Permite-se a reprodución literal deste artigo
sempre que se cite a fonte. (Autor e esta páxina).
Voltar á paxina inicial Última Actualización: 10 de Xaneiro do 2000