Make your own free website on Tripod.com
Prévio:  Apresentación Superior:  Capa   Próximo:  Regras básicas  

 

 

Galego, que galego?

Se en portugués ha dous padróns de escrita diferentes, tampouco está falto o galego deles1. Á hora de escreber este curso considerei as 3 normativas que eu coñezo, por orde de aparición:

  1. a de mínimos2,
  2. a do ILG-RAG3, e
  3. a da AGAL4,

descartando rapidamente esta última por considerar que se unha persoa está afeita a empregá-la, non precisa deste curso. Das outras duas opcións decidin-me finalmente polos mínimos por, entre outras razóns, coñecé-la mellor e contar con un corrector ortográfico libre. Contodo, as normativas de mínimos e a do ILG-RAG son moi semellantes; as diferenzas existentes non empecen moito a leitura, se ben teñen bastante importáncia á hora de escreber correctamente. Por outra banda nas explicacións que se dan para a compresión dos textos, cando as prescrizóns diferen fai-se referéncia a ambas as normativas. E fai-se isto máis por completude que por necesidade estrita para a comprensión dos mesmos.

A seguir apresenta-se as duas diferenzas5 mais notórias entre as normativas de mínimos e do ILG-RAG, xa que teñen unha certa importáncia para a comprensión do portugués, principalmente a primeira.

 

Uso do trazo.

  1. Pronomes enclíticos.
    1. Na normativa de mínimos, como en portugués, os pronomes enclíticos unen-se ao verbo mediante un trazo, sen que varie a acentuación, excepto no caso do infinitivo. Ex:
      coller + o -> collé-lo  colles + o -> colle-lo
      collen + o -> collen-no  collerá + o -> collerá-o

    2. Na normativa ILGA-RAG, como en castelán, os pronomes enclíticos unen-se ao verbo directamente, formando unha nova palabra e afectando a acentuación. Ex:
      coller + o -> collelo  colles + o -> cóllelo
      collen + o -> cólleno  collerá + o -> collerao

  2. 2ª forma do artigo.
    1. Na normativa ILGA-RAG o artigo pode unir-se ao verbo mediante un trazo, sen que varie a acentuación. Ex:
      cantar + a + canción -> canta-la canción

    2. Na normativa de mínimos non se marca na escrita a segunda forma do artigo. Ex:
      cantar + a + canción -> cantar a canción.

Uso dos acentos.

(Esta epígrafe non é imprescindíbel, ainda que si recomendábel, para seguir o curso).

A normativa de mínimos utiliza basicamente o sistema portugués, encanto a normativa ILGA-RAG o sistema castelán, diferenciando-se nos seguintes pontos:

  1. Esdrúxulas
    1. Segundo a normativa de mínimos son consideradas esdrúxulas, e portanto acentuan-se, as palabras acabadas na secuéncia:
      vogal tónica + consoante(s) + ia, ie, io, ua, ue, uo (+consoante)
      Ex: ciéncias, espécies, artifício, língua, ténues, contínuo.

    2. Segundo a normativa ILGA-RAG as formas anteriores son consideradas graves, e portanto non se acentuan; ex. ciencias, especies, artificio, lingua, tenues, continuo.

  2. Hiatos
    1. Segundo a normativa de mínimos acentuan-se as vogais i e u que forman un hiato e forman sílaba por si sós ou con s, ex:
      • aí, baía, saúde, faísca ...
      mais non aquelas que forman sílaba con unha consoante distinta de s, con outra vogal ou secuéncia mais ampla:
      • ainda, sair, raiz, constituiu, construirdes ...

    2. Segundo a normativa ILGA-RAG acentuan-se as vogais i e u sempre que formen un hiato, ex:
      • aí, baía, saúde, faísca, aínda, saír, raíz, constituíu, construírdes ...

  3. Graves e agudas rematadas en i e u
    1. Segundo a normativa de mínimos acentuan-se as palabras agudas rematadas nas vogais a, e, o, ou nas palabras rematadas nesas vogais mais n, s ou ns. E acentuan-se as graves rematadas nas terminacións diferentes das vistas. Asi acentuan-se:
      irmá(s), refén(s), avó(s), safári(s), vírus, móbil, carácter, clímax
      e non se acentuan:
      aqui, xardin(s), algun(s), xadrez, cantar

    2. Segundo a normativa ILGA-RAG acentuan-se as palabras agudas rematadas en calquer vogal, vogal + n, vogal + s, ou vogal + ns; e acentuan-se as palabras graves rematadas en consoante distinta de n ou s. Asi acentuan-se:
      irmá(s), refén(s), aquí, xardín(s), avó(s), algún(s), móbil, carácter, clímax
      e non se acentuan:
      safari(s), virus, xadrez, cantar

1 Cousa por outra banda moi comprensíbel dada a sua história e situación actual.

2 Por normativa de mínimos ou dos mínimos coñecen-se as Normas Ortográficas do Idioma Galego, elaboradas por unha comisión lingüística nomeada pola Xunta de Galicia en 1981. O dito documento é moi breve, mais a normativa de mínimos aparece explicada máis polo miudo na Nova Gramática para aprendizaxe da língua, obra de X. X. Costa Casas, M. A. González Refoxo, C. C. Morán Fraga e X. C. Rábade Castiñeira, editada por Via Láctea no ano 1988. Por outra banda esta normativa é a seguida no Dicionário da Língua Galega, de I.A. Estravís, editado por Sotelo Blanco en 1995.

3 Instituto Galego da Lingua e Real Academia Galega. Esta normativa, tamén coñecida por oficial, recolle-se nas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, cuxa primeira edición é de outubro de 1982. Á hora de escreber este curso tomou-se como base a edición do ano 1997, NOMIG(1997). Se ben que no ano 2003 estas normas sofresen unha reforma dunha certa entidade na parte morfolóxica, na parte ortográfica as variacións foron mínimas.

4 Associaçom Galega da Língua. A sua normativa recolle-se no seu Prontuário ortográfico galego, do ano 1985.

5 Pode-se ver unha comparativa moito máis completa no site da Questione della lingua


 
Prévio:  Apresentación Superior:  Capa   Próximo:  Regras básicas  

 

José Ramom Flores d'as Seixas25-07-2004